FLOCOS.TV
Flocos.tv pretende ser un excelente escaparate no que facer visible unha gran parte da produción audiovisual galega. Trátase en moitos casos de producións difíciles de ver noutras pantallas, e noutros de creacións rescatadas do esquecemento que forman parte xa da nosa historia. O portal tamén se abrirá á industria audiovisual como ferramenta para as súas campañas de promoción.
pódense ver en Flocos.tv 25 curtametraxes galegas de diferentes formatos, estilos e épocas, desde creacións recentes ata clásicos da produción do país. Os fondos desta pantalla do audiovisual galego en internet irán medrando de forma paulatina. Pronto se incorporarán outro tipo de obras audiovisuais, como documentais, obras experimentais, longametraxes, etc.
Cada día estrearase na web unha nova obra, e cada dúas semanas porase en marcha un novo ciclo temático. Unha das características máis notables é a alta calidade na que se poderán ver as obras na web, moi superior a habitual en portais como Youtube.com, e coa posibilidade incluso de dispoñer de audiovisuais en calidade HD.
En Flocos.tv pódense atopar agora mesmo curtametraxes de ficción, animación, documentais e experimentais. Entre os títulos cos que se pon en marcha o portal atópanse clásicos como «Coruña imposible» (Paco Rañal, 1995), «25×24″ (Antón Caeiro, 1985) e «Tranvías de La Coruña», o máis antigo documental galego que se conserva, datado en 1926.
Pero o núcleo da web compóñeno as obras actuais que permiten ao espectador coñecer por onde van as liñas de traballo dos creadores que protagonizan o período máis dinámico na historia do audiovisual galego. Pezas de ficción como «Galicia 2098″ de Edu Lavandeira e «Mind the gap» de Daniel Domínguez; curtas de animación como «O ataque dos kritters asasinos» de Sam Orti Martí e «A meiga chuchona» de Pablo Millán; curtas documentais como «Conversas com Deus» de Lara Bacelo e «Contactos» de Marcos del Pino; e curtametraxes experimentais como «Cuestión» de Estela Pan Vázquez e «Katiusca (os corpos agrícolas)» de Antón Coucheiro. Todas elas forman parte da relación de curtas presentes nesta web que aspira a converterse no cineclub do audiovisual galego.
Ligazóns