Nesta Europa, culturalmente tan diversa, o coñecemento de idiomas convértese nun dos principais requisitos para que mozos e mozas poidan desfrutar plenamente das moitas oportunidades que ofrece a colaboración entre os pobos e a mobilidade a través dos diferentes estados (quer con fins culturais, quer académicos, laborais, turisticos ou de lecer).
É tamén, nesta perspectiva de contribuír á formacion dunha mocidade máis aberta e participativa que a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade vén prestando especial atención ás relacións de Galiza con Portugal, poñendo en marcha unha serie de iniciativas para fomentar o contacto e cooperación entre a xente nova de ambas as beiras do Miño.
Na web de PORTUGUÉS PARA NÓS podedes topar toda a información relativa a estes cursos así como información xeral das iniciativas que se levan a cabo.
PORTUGUÉS PARA NÓS, que lle permitirá á mocidade galega, e a toda a poboación en xeral, ter acceso cómodo ao ensino da lingua portuguesa, xorde da convicción desde a Vicepresidencia da Xunta de Galiza, de que, máis ca nunca, hoxe é necesario que Galiza e Portugal reforcen e amplíen os seus vínculos históricos, dándolle, agora si, unha relevancia determinante aos aspectos sociais e culturais.
Para calquera suxestión ou consulta técnica sobre o curso poden dirixirse ao administrador no seguinte enderezo: admin@portuguesparanos.com

Desembocadura do Rio Miño