Estatutos
CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1º.-
1.- Constitúese unha asociación socio-cultural, sen ánimo de lucro, das previstas na Lei Orgánica 1/2002, do 22 de Marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación: ASOCIACIÓN CULTURAL “ARELAS DE AQUELAR”.
2.- A asociación rexerase polos istes estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.
Artigo 2º.-
O domicilio da asociación radicará no concello de Sanxenxo, Rúa Virxe do Carme, nº 8 – 36979 Baltar (Portonovo).
Artigo 3º.-
A asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial de Galiza.
Artigo 4º.-
1.- A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos/as asociados/as expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2.- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordeamento xurídico.
Artigo 5º.-
1.- Son fins principais da asociación:
a.- A defensa e divulgación dos valores culturais galegos nas súas diferentes manifestacións (lingua, arte, literatura, música, folklore, ciencia…), tanto do presente como do pasado.
b.- A normalización plena do idioma galego, como sinal de identidade e máximo valor diferencial da cultura galega.
c.- A difusión dun modelo de cultura libre, participativo e democrático na sociedade galega.
d.- O desenvolvemento de iniciativas, accións e proxectos de carácter social e cultural.
e.- A estimulación da cooperación e a comunicación dentro do tecido asociativo galego e das relacións culturais con Portugal e a área da lusofonía.
f.- A creación dunha rede aberta de acción e comunicación socio-cultural en Galiza e nas comunidades galegas do exterior.
g.- A produción, difusión e distribución de bens, servizos e produtos culturais propios.
h.- A comunicación de causas sociais nacidas no seo da sociedade civil galega.
i.- A defensa e fomento da lingua galega en calquera das súas normativas e en todos os eidos.
k.- A difusión da libre distribución das novas tecnoloxías da comunicación na sociedade galega e a oferta de servizos informáticos de carácter social e cultural.
l.- A promoción da creación artística galega independente e a procura de novos espazos de cooperación artística e cultural.
2.- Para o cumprimento destes fins establecidos, a asociación organiza actividades lúdicas, informativas e reivindicativas como:
a.- Actos, actividades e proxectos artísticos e de dinamización social e cultural: conferencias, cursos, seminarios, exposicións, publicacións, festivais, feiras, festas, mostras e outras actividades de interese cultural sobre lingua e literatura, teatro, arte, música, cultura tradicional, linguaxes audiovisuais, ciencia e tecnoloxía, etc.
b.- Edición, produción e distribución de materiais culturais propios en calquera formato
c.- Edición e mantemento do portal de comunicación Arelas de Aquelar.
d.- Proxectos de cooperación con outros colectivos sociais e culturais.
e.- Talleres de formación e desenvolvemento de servizos na área da comunicación social.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os/as asociados/as nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS
Artigo 6º.-
1- Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas ou xurídicas, tralo acordo do seu órgano competente, comprometidas coa defensa da identidade galega, con plena capacidade de obrar, que non teñan débedas pendentes coa asociación.
2.- Poderán ser integrantes da asociación na súa sección xuvenil, os/as menores non emancipados/as de máis de 14 anos co consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.
3.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida, sen que poida existir discriminación polas causas que establece a lei.
Artigo 7º.-
Dentro da asociación poderán existi-las seguintes clases de asociados/as:
a) Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
b) Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
c) Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da asociación.
d) Xuvenís, aquelas persoas menores de 18 anos que participen na asociación, que estarán integradas na sección xuvenil, no seu caso.
Artigo 8º.-
1.- A condición de asociado/a pérdese:
a) Por vontade propia.
b) Por falta de pagamento da cotas dunha anulaidade.
c) Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación, logo do expediente disciplinario, con audiencia do/a interesado/a.
d) Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
2.- A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do/a interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
Artigo 9º.-
Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
1. Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.
2. Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
3. Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el/ela e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas.
4. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos estatutos.
Os asociados/as honorarios e xuvenil non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta. Os asociados/as honorarios están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.
Artigo 10º.-
Son obrigas dos asociados e asociadas:
1. Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
2. Pagar as cotas que se establezan.
3. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
4. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
5. Acatar o contido dos estatutos.
6. Ter unha boa conducta individual e cívica.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 11º.-
A dirección e administración da asociación serán exercidas polo/a Presidente/a, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
Artigo 12º.
1.- O/A Presidente/a da asociación será designado/a pola Asemblea Xeral entre os/as asociados/as e o seu mandato durará dous anos. Será asistido/a nas súas funcións polo/a secretario/a.
2.- O/A presidente/a terá as seguintes atribucións:
a) Representar á asociación perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva; presidir as sesións da Asamblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordear os pagamentos acordados validamente.
e) Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co/a secretario/a ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.Artigo 13º.
1.- A Xunta Directiva estará formada polo/a presidente/a da asociación, un/unha vicepresidente/a, un/unha secretario/a, un/unha tesoureiro/a e un mínimo de 3 e un máximo de 5 vocais que se elixan pola Asemblea Xeral Extraordinaria.
2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación. As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.
3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixir os cargos da Xunta Directiva; a que terá unha duración de un período de 2 anos, podendo optar a súa reelección sen límite de convocatorias.
4.- Os cargos cesarán na súa función por:
a) Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
b) Renuncia voluntaria.
c) Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d) Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos/as asociados/as reunidos en Asamblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día dos/as sucesores/as.
As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como un mínimo por 4 persoas, que exercerán as funcións de presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e tesoureiro/a.
Artigo 14º.-
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
1. Programar e dirixir as actividades asociativas.
2. Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
4. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os/as asociados/as.
6. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados/as.
9. Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da asociación.
Artigo 15º.
1.- A Xunta Directiva será convocada polo/a presidente/a, a iniciativa propia ou a petición de 1/3 dos seus compoñentes.
2.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do/a presidente/a e o/a secretario/a ou persoa que os/as substitúa.
O/A secretario/a ou, no seu defecto, o/a vocal que o/a substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.
Artigo 16º.-
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados/as que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes/as.
Artigo 17º.-
A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por tódolos integrantes desta. O/A presidente/a e o/a secretario/a da asemblea serán os/as mesmos/as que da Xunta Directiva.
Artigo 18º.-
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo dúas veces ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 20% dos/as socios/as. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ao/á presidente/a, autorizado coas sinaturas dos/as solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 19º.-
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no primeiro trimestre do ano para dar aprobar as contas e a xestión do exercicio anterior e no último trimestre do ano para presentar o orzamento e plan de traballo do ano seguinte. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.
A notificación farase no domicilio dos asociados.
Artigo 20º.-
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1. Aprobar o plan de actividades.
2. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
3. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
4. Exame e aprobación das cotas.
Artigo 21º.-
Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1. Modificar os estatutos da asociación.
2. Elixir e cesar aos integrantes da Xunta Directiva.
3. Aprobar a federación con outras asociacións.
4. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
5. Acordar a disolución da asociación.
6. Designar os/as liquidadores/as.
7. Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
8. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
9. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
10. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
11. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.
Artigo 22º.
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos/as asociados/as na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do/a presidente/a e o/a secretario/a ou persoa que os/as substitúa.
Artigo 23º.-
Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos aos apartados do 1 ó 7 do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinarao o/a presidente/a e o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.
Artigo 24º.-
Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso aos/ás non asistentes.
As sesións abriranse cando así o determine o/a presidente/a. Seguidamente procederase por parte do/a secretario/a á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o/a secretario/a continuará coa orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.
Artigo 25º.-
Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.
Artigo 26º.-
1. O/A secretario/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace do/a presidente/a. O/A secretario/a tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do/a secretario/a, o/a presidente/a designará entre os/as vocais a un/unha que desenvolva esta función.
Artigo 27º.-
1. O/A tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o/a presidente/a, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como as contas de resultados e balances.
2. O/A tesoureiro/a ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario con anterioridade a Asemblea Ordinaria de aprobación das contas, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración desta.
Artigo 28º.-
Os/As vocais terán as seguintes atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.
CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 29º.-
A asociación no momento de inicia-las súas actividades dispón dun patrimonio de 150 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 30º.-
A asociación funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de orzamento será elaborado polo/a tesoureiro/a da asociación, que deberá telo preparado 15 días antes da Asemblea Ordinaria do último trimestre de cada ano, a fin de que poida ser aprobado.
Artigo 31º.-
A asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 32º.-
A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da asociación.
Artigo 33º.-
Anualmente, con referencia ao último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días previos ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.
Artigo 34º.-
Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do/a presidente/a ou vicepresidente/a e do/a tesoureiro/a.
Artigo 35º.-
Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 36º.-
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 37º.-
Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas 2/3 partes dos/as asociados/as. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.
Artigo 38º.-
A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos/as asociados/as adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
Artigo 39º.-
Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente/a e o/a tesoureiro/a, procederán para efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
Artigo 40º.-
O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.


