Asociación
QUÉ É? ARELAS DE AQUELAR, nome sonoro e suxerente, é unha asociación cultural cuio campo de acción abrangue todas e cada unha das parroquias de Sanxenxo, sen exclusión (Adina, Bordóns, Dorrón, Nantes, Noalla, Sanxenxo e Vilalonga).
Por qué o ou como xurde ARELAS DE AQUELAR?
Nace ante a carencia dunha oferta diversa de actividades culturais propias que dinamicen o concello, e da falta de difusión daquelas escasas actividades que se realicen, de xeito que a meirande parte das persoas ignoran as actuacións que por exemplo teñen lugar no pazo Emilia Pardo Bazán.
Por unha banda pensamos que a cultura é a base dun pobo e non únicamente un instrumento ao servizo do turismo, se ben aqueles pobos mais ricos culturalmente gozan dun maiores benefícios turísticos.
A asociación naceu despois dunha etapa de declive do asociacionismo, como fórmula da expresión libre, con esta formación apoiamos ao renacer deste movimento asociativo, colaborando con outras asociacións.
A QUEN NOS DIRIXIMOS?
Dirixímonos a todo ao público en xeral, a todas aqueles que queren formar parte activa dun proxecto cultural e tamén daqueles que queren asistir a actuacións musicais.
A asociación non ten limitación de idade, de xeito que a asociación conta cunha sector xuvenil e desenvolveremos actividades para os mais cativos. Resalto esta cuestión, pois desafortunadamente os máis cativos fora das actividades escolares, non teñen en xeral actividades específicas, e en colaboración cóas asociacións de xubilados do concello pretendemos desenvolver actividades nas que os 2 sectores (novos e maiores) interactuen (como por exemplo, organizando talleres de labranza e oficios).
CAL É A NOSA ALMA, CALES SON OS NOSOS OBXECTIVOS?
Pretendemos non só recuperar a nosa cultura tradicional senón promover e axudar a difundir as expresión culturais actuais nas súas diferentes manifestacións (lingua, arte, literatura, música, folklore, ciencia…),
A promoción da lingua galega como sinal de identidade da cultura galega,
O desenvolvemento de accións e proxectos de carácter social e cultura, conmemorando días como o da árbore, o da non violencia….
A creación dunha rede aberta de acción e comunicación socio-cultural, colaborando como se indicou antes con asociacións xuvenís, mulleres, cultuais…
A difusión de produtos culturais propios(películas, libros, programas de ordenador…)
A promoción da creación artística galega independente.
COMO SE MATERIALIZAN ESTES OBXECTIVO? QUE ACCIÓNS REALIZAREMOS?
Realizaremos xornadas temáticas (diurnas ou nocturnas) nos diferentes lugares do concello, sobre a historia, arqueoloxía, actualidade, toponimia, medicina, lendas… De xeito que se pretendemos facer unha xornada adicada á historia das telleiras de Vilalonga, intentaremos facela na propia telleira. Adecuando a temática o lugar de referencia.
* Exposicións de fotos sobre historia e costumes de Sanxenxo
* Organizaremos a proxección de ciclos de cine, especialmente de curtametraxes, un sector no que o cineasta galego ten un importante papel.
* Fomento da lectura mediante presentación de libros e sinaturas dos mesmos, de feito, xa temos prevista a nosa primeira presentación sobe a historia dunha antiga industria de Sanxenxo, industria que a día de hoxe ten un importante valor histórico e cultual, como son as telleiras da Arnosa.
* Desde a asociación pretendemos editar unha guía de actividades trimestral, que recolla a previsión das actividades e que analice diferentes temáticas, que sirva de expresión gráfica e literaria.
Como dixemos antes, é moi importante as actividades para os cativos, realizaremos unhas xornadas de recuperación de xogos tradicionais, a través dun campionato entre as diferentes parroquias.
Ademais, algo imprescindible nos tempos que corren, Arelas de Aquelar conta para a difusión das actividades que organiza, e daquelas que teñen lugar ainda que organizadas por outros ente, co seu próprio blog www.arelasdeaquelar.blogaliza.org
Agardamos que coa vosa axudaos pasos da asociación sexan constantes e axude para desenvolver a riqueza e que Sanxenxo se convirta nun lugar de referencia no eido da expresión cultural e artística.